O verán é para moitos símbolo de lecer e descanso. Vacacións, bo tempo e plans. Luxos que non todos teñen a sorte de desfrutar. En tempadas como esta, os opositores teñen que continuar a súa rutina mentres combaten as tentacións cunha forza de vontade de ferro.
É o caso de Alba Mosquera, quen compaxina o seu traballo a media xornada coa crianza dun bebé de 17 meses e a preparación de dúas oposicións: C1 e C2 da Xunta (administrativos e auxiliares). O 20 de setembro ten os exames, e o seu verán está a ser un sprint final cara á meta.
Comezou a súa preparación no 2024, pero, en febreiro do ano pasado, co nacemento do seu fillo, tivo que deixar a oposición.
Retomouna tras cinco meses de baixa e cunha responsabilidade máis na súa vida: «É unha etapa nova, teste que adaptar a todo, e, para min, foi un gran cambio. Era máis complicado organizarme». Ano e medio despois, está a un verán de chegar ao final do camiño, aínda que esta estación supón unha dinámica de contrastes.
Por unha banda, as vacacións para ela implican máis tempo dispoñible para dedicarlle ao estudo:
«Estaba a desexar que chegasen para poder estar máis tempo só estudando e adiantar». Pero este período tamén esixe renunciar a certas cousas para manter a súa rutina. «O meu maior sacrificio é perderme cousas; agora que hai mellor tempo, o meu fillo e a miña parella vanse ao parque, á praia, e dame pena non poder ir con eles», explica.